Meta traballa en cascos de realidade virtual máis realistas
martes, 21 de xuño do 2022
A aposta polo metaverso por parte de Facebook está máis que
clara tras adoptar a compañía o nome de Meta, pero a tecnoloxía precisa para
chegar a tal obxectivo está aínda moi lonxe de ser unha realidade, e Mark
Zuckerberg desvelou
os últimos prototipos de cascos de realidade virtual nos que están a
traballar, salientando que están a centrar os seus esforzos en conseguir unha
calidade de imaxe que faga a realidade virtual indistinguible da realidade.
Dende Meta detallan que para
facer posible unha solución que realmente engane á vista é preciso superar 4
retos: o sistema debe ser varifocal (ou sexa, que permita enfocar a
profundidades arbitrarias da escena virtual), con distorsións mínimas (reducindo
estas deformacións provocadas polas propias lentes), cunha resolución tan
elevada que sexa imposible distinguir os píxeles e con HDR (ou sexa, cun rango
dinámico que permite ver tanto elementos escuros como moi iluminados).
O prototipo amosado por Zuckerberg, coñecido como Holocake 2, sería o casco de
realidade virtual máis delgado feito ata o momento, e xa é capaz de correr calquera
xogo de VR conectándoo a un PC (aínda que non incorpora todas as tecnoloxías
que están a desenvolver dende Meta), e tamén se amosaron detalles sobre o
vindeiro casco coñecido como Cambria, que sería a evolución das Meta Quest 2,
evidenciando que aínda falta moito para que sexa realidade un casco que estea á
altura do que perseguen. Teremos que agardar anos vendo como evolucionan os
distintos elementos que conseguiran unha VR convincente ata que conflúan un
produto que sexa moi avanzado tecnoloxicamente mantendo un deseño compacto e
lixeiro que facilite o seu uso durante tempo prolongado e poida disparar a
popularidade desta categoría de produtos.
Entrevista na que Zuckerberg conversa sobre os retos da tecnoloxía de realidade vitual e mixta