Meta despide a preto de 1.500 traballadores da súa división de VR

martes, 13 de xaneiro do 2026 Redacción

Meta Platforms puxo en marcha unha nova vaga de despedimentos que afectará máis de mil empregados da división Reality Labs, segundo avanzou Bloomberg. A compañía de Mark Zuckerberg, que nos últimos anos destinara enormes recursos ao desenvolvemento do metaverso, está a redirixir parte dese investimento cara a dispositivos baseados en intelixencia artificial como as lentes comercializadas en colaboración con Ray-Ban.
A medida foi comunicada internamente polo director de tecnoloxía, Andrew Bosworth, nunha mensaxe dirixida ao persoal. Nela explicaba que os avisos comezarían a enviarse a partir do martes pola mañá e que os recortes impactarían arredor do 10 % dos traballadores de Reality Labs, unha área que conta con preto de 15.000 empregados.
A decisión encaixa coa viraxe estratéxica que Meta iniciou nos últimos meses, marcada pola necesidade de priorizar produtos con retorno máis inmediato e pola crecente competencia no ámbito da IA aplicada ao consumo. Outros medios internacionais tamén recollen que esta reestruturación está a ter consecuencias directas no ecosistema de realidade virtual da compañía, incluíndo o peche de varios estudos dedicados ao desenvolvemento de videoxogos e experiencias inmersivas.
No caso dos estudios de xogos de realidade virtual pechados por Metaf estarían Sanzaru Games (Asgard’s Wrath), Ready at Dawn (Lone Echo), Downpour Interactiva (Onward), Twisted Pixel (Deadpool VR) e Armature Studio (Resident Evil 4 VR), mentres que Beat Games (Beat Saber), BigBox VR (Population One), Within (Supernatural) e Camouflaj (Batman Arkham VR) manteñen as súas operacións.