Mestrelab presenta o proxecto Futurelab, a gran contribución galega á dixitalización dos laboratorios

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

Francisco Conde nunha visita recente á sede de Mestrelab

Este 5 de maio celebrouse un encontro telemático arredor do proxecto galega Futurelab (Laboratorio Dixital do Futuro), no marco do cal a empresa tecnolóxica Mestrelab deseñou un software que xa empregan 150.000 científicos en todo o mundo e máis de 1.500 institucións académicas, laboratorios e empresas como as que desenvolven as vacinas contra a COVID-19.
No encontro participou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou que “Mestrelab está contribuíndo a que Galicia sexa pioneira e unha referencia a nivel internacional na dixitalización dos laboratorios de I+D na industria farmacéutica, biotecnolóxica ou química”.
Na sesión online deste mércores 5, na que participaron as restantes entidades participantes no proxecto, fíxose saber que o seu obxectivo concreto foi “o desenvolvemento dunha contorna dixital intelixente que dese soporte á globalización, conexión e automatización dos laboratorios nas industrias farmacéuticas, biotecnolóxicas e químicas, así como a universidades e a centros de investigación gobernamentais”.
O proxecto FutureLab está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), mediante o Programa Industrias do Futuro 4.0 (terceira convocatoria) e co-financiado con cargo aos fondos FEDER no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. Tamén está apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

PUBLICIDADE