Menos da cuarta das PEME forman en TIC aos seus empregados

venres, 16 de agosto do 2019 Redacción

Coas novas tecnoloxías pasa un pouco como co cambio climático: por moito que se insista na necesidade de transformarnos tecnoloxicamente, por unha banda, e de ser máis sustentábeis e racionalmente enerxéticos, pola outra, sempre hai persoas, empresas e entidades que, polas razóns que sexan, non poden afrontar os cambios. Segundo un informe da Cámara de Comercio de España, feito a través da súa Comisión de Dixitalización, a porcentaxe de empresas que aposta por capacitarse en innovación é menor do que se pensaba. A día de hoxe, menos do 23% das PEME forman en TIC aos seus empregados. Porén, a taxa varía segundo o número de empregados: canta máis envergadura, máis capacitación dixital.
Desta maneira, nas firmas nas que traballan entre 10 e 49 empregados a porcentaxe delas que forman aos seus empregados en novas tecnoloxías ascende a un 18, 5%; séguenlle as compañías de entre 50 e 249 empregados cun 37,4%. Estas cifras contrastan co 66,1% das grandes empresas que realizan de accións de formación especializada en TIC para os seus traballadores.
En canto a empresas que tiran proveito de expertas e expertos en ferramentas dixitais, tamén se aprecian diferenzas segundo o tamaño. De 10 a 49 empregados, só o 13,5% dispoñen dalgún empregado TIC, o 41,4% das PEME entre 50 e 249 empregados contan con eles e o 72% das grandes corporacións teñen nos seus persoais expertos nesta materia.

PUBLICIDADE