Meltdown e Spectre: novas vulnerabilidades que afectan a numerosos procesadores

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Ante as informacións sobre o fallo de seguridade que afectaría aos procesadores de 64 bits de Intel, a compañía de semicondutores realizou por fin un comunicado público no que rexeitan a idea de que a vulnerabilidade detectada sexa exclusiva dun fallo de seguridade que só afecte a produtos de Intel, asegurando que nas investigacións realizadas identificáronse multitude de dispositivos informáticos susceptibles de verse afectados con independencia do vendedor do procesador e do sistema operativo.
Dende Intel aseguran que para garantir a seguridade dos usuarios están a colaborar con desenvolvedores de sistemas operativos e outros fabricantes como ARM Holdings e AMD (aínda que dende AMD matizan que os seus procesadores non están afectados polo problema detectado), e xa comezaron a subministrar solucións de software e firmware para axudar a mitigar os posibles xeitos de aproveitar a vulnerabilidade, confiando en que o impacto destas solucións para os usuarios non sexa significativo.
Aínda que non se esperaba que desen detalles sobre a vulnerabilidade até a vindeira semana, finalmente deron conta das 3 variantes deste problema de seguridade, respondendo as dúas primeiras ao alcume de Spectre e a terceira ao de Meltdown, contando incluso cunha páxina web específica para recompilar a información sobre o tema.
Entre a información publicada detállase que os procesadores de AMD si terían en potencia a vulnerabilidade, pero na práctica non se verían afectados xa que para que acontecese habería que activar manualmente unha funcionalidade nun par de sistemas operativos moi concretos.

PUBLICIDADE