Medran os usuarios e as consultas en liña nas nosas bibliotecas

martes, 2 de xuño do 2015 Redacción

O Observatorio da Cultura do CCG vén de presentar os datos máis salientábeis da súa investigación Os arquivos e a protección do patrimonio documental, onde se recollen as información das actividades de bibliotecas e de arquivos da nosa terra. Ou sexa, que estamos ante un diagnóstico actualizado do estado de saúde dos nosos centros de coñecemento, atendendo a parámetros como o número de usuarios ou as cifras de préstamos. Segundo se fai saber, no ano 2013 as bibliotecas galegas rexistraron cinco millóns e medio de visitantes e preto de dous millóns e medo de préstamos. No informe dise que estas bibliotecas e arquivos (encargados da custodia e catalogación do patrimonio documental e bibliográfico do país) experimentaron nos últimos tempos unha transformación social e tecnolóxica, cousa que redundou no seu impulso.
En definitiva, que o documento do Consello da Cultura Galega constata “o bo momento” de saúde dos centros de coñecemento da nosa terra, cun importante medre de usuarios nos últimos tempos.
Así, de 17.511 postos de consulta dispoñíbeis en Galicia en 2009, pasouse a 18.320 en 2013, “un incremento que se produciu de xeito paralelo ao incremento de usuarios inscritos na Rede de Bibliotecas de Galicia, que subiu de maneira exponencial a partir de 2012”.
O Observatorio da Cultura Galega tamén constata, coas estatísticas da Rede de Bibliotecas de Galicia, unha mellora “na dotación técnica e humana no período de referencia”. No que ten que ver cos traballadores, pasouse de 362 a 898, sendo o grupo que máis medra o de bibliotecarios profesionais con adicación plena. Mellora tamén o número de fotocopiadoras, impresoras, escáneres e ordenadores aínda que se perde superficie de uso bibliotecario. No que atinxe á devandita modernización tecnolóxica, incrementouse a cifra de consultas en liña aos fondos, a través do programa de xestión bibliotecaria MEIGA, que pasaron de 37.235.000 en 2009 a 84.940.906 en 2013.

PUBLICIDADE