Medran as friccións entre Microsoft e OpenAI
martes, 17 de xuño do 2025
The Wall Street Journal asegura que a histórica colaboración entre OpenAI e Microsoft está a vivir unha etapa de tensións crecentes e desacordos que poderían pór en risco o seu futuro. Segundo fontes próximas á negociación, OpenAI estaría a explorar incluso unha ofensiva legal contra Microsoft por supostas prácticas anticompetitivas no marco do seu contrato vixente.
No centro da disputa atópase a intención de OpenAI de converterse nunha empresa con fins de lucro e abrirse á captación de capital mediante unha eventual saída a bolsa. Para iso, necesita a aprobación de Microsoft, socio estratéxico desde 2019 e actual propietario de dereitos exclusivos para vender os seus produtos a través da nube Azure. A falta de consenso pon en risco ata 20.000 millóns de dólares en financiamento que dependen desa reestruturación, que debe completarse antes de final de ano.
Un dos principais puntos de fricción é a adquisición por parte de OpenAI da startup Windsurf, especializada en programación asistida por IA (ámbito no que Microsoft compite con GitHub Copilot); así como tamén hai desacordos no que se refire ao control da infraestrutura, xa que, aínda que Microsoft é, segundo o acordo actual, o provedor exclusivo de computación de OpenAI, a compañía de Sam Altman puxo en marcha o seu propio centro de datos, Stargate, co obxectivo de diversificar o acceso a recursos informáticos e colaborar con outros provedores de computación na nube. As dúas compañías tamén están en desacordo sobre a porcentaxe que Microsoft debería deter na futura empresa resultante.
No plano regulatorio, a situación complícase co feito de que a Comisión Federal de Comercio dos Estados Unidos (FTC) xa abriu unha investigación antimonopolio sobre Microsoft e os seus investimentos no sector da IA, incluída a que mantén con OpenAI.
En xogo está moito máis que unha colaboración empresarial: trátase do control sobre o futuro da intelixencia artificial e da capacidade para marcar o rumbo do mercado tecnolóxico global.