Medra o uso do comercio electrónico nas empresas galegas, segundo un informe

mércores, 24 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

AETIC vén elaborar un estudo específico sobre Galiza, tomándolle o pulso no que se refire ó uso das novas tecnoloxías no eido empresarial e comparando os datos obtidos cos do resto do Estado español. Segundo se pode ver no informe (que xa está no Observatorio Galego da Sociedade da Información), semella que temos que seguir falando de “medianías”. É dicir: todo indica a que hai pouco “aire” –por arriba e por abaixo- entre nós e a liña que marca os parámetros medios de uso e afianzamento das novas tecnoloxías da información no sector das empresas a nivel español.
Porén, o estudo (que foi realizado por Everis sobre unha mostra de 176 entrevistas) achega unha serie de datos que moven máis ó optimismo. Un deles é o maior uso do comercio electrónico con respecto á media do Estado, sobre todo no que atinxe á compra en liña.
Ademais, a implantación das novas ferramentas nas empresas de máis de 50 empregados semella que vai camiño do aceptable, e nalgúns eidos reflectidos na investigación de AETIC o afianzamento sube por riba da devandita liña trazada dunha beira a outra de España.

PUBLICIDADE