Medra o número de turistas que planean as viaxes nas redes sociais

venres, 8 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Xa que estamos no verán e este é un medio centrado nas redes, se cadra nada mellor que falar de cómo a práctica do turismo en tódolos seus chanzos (antes, durante e despois da viaxe) está a ser mudada e intervida pola concorrencia das redes sociais e dos servizos 2.0 que inzan a Internet. Para ben ou para mal, estes recursos dixitais inflúen de maneira directa nas decisións de centos de milleiros de viaxeiros, que viron cómo se pasaba da información puntual sobre axencias, hoteis ou lugares de destino a unha marea de datos de primeira man sobre a calidade e a fiabilidade de todo iso. Así están as cousas: somos o que se di de nós nas redes sociais, e isto é aplicábel ao negocio turístico.
De feito, e segundo conta o buscador de voos Skyscanner.es a partir dunha enquisa recente (arestora aínda aberta á participación), a máis da metade dos viaxeiros ver as fotos de vacacións dos seus amigos das redes sociais fíxolles reservar un desprazamento cara ao mesmo lugar. Asemade, infórmase, case o 90% dos turistas asegura que seguen de preto as achegas fotográficos das súas amizades durante os itinerarios destes polo mundo, cousa que logo lles vale para planificar destino propio. Segundo engade Skyscanner.es, a rede Facebook ten unha boa parte da culpa de todo isto, para ben ou para mal. De feito, case a metade dos que participaron na enquisa, afirman que xa organizaron ou foron convidados a unha viaxe a través desta rede social.

PUBLICIDADE