Medra o número de empresas no Hipersector TIC galego

luns, 1 de febreiro do 2016 Redacción

Galicia ocupa a 5ª posición no ranking estatal de empresas do Hipersector TIC

O hipersector TIC galego concentra un total de 3.211 empresas e dá emprego a máis 19.500 persoas, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade en volume de empresas desta área. Son as cifras que sinala o segundo estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O número de empresas do hipersector TIC galego experimentou un crecemento do 1,6%, e está composto nun 72,6% por empresas do sector tecnolóxico e nun 27,4% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais. As actividades de programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática son as que achegan un maior número de entidades ao subsector TIC (1.384 empresas), o que representa un 43,1% no conxunto do Hipersector TIC, mentres que as edicións de libros, xornais e outras actividades editoriais son as máis numerosas do subsector Contidos e representan o 12% do conxunto do Hipersector TIC.
O hipersector TIC de Galicia ten un peso sobre o PIB galego que se mantén ao redor do 2,3%, porcentaxe que se distribúe entre o 1,9% que representa o sector TIC e o 0,4% do sector Contidos.
O volume de exportacións de bens do hipersector TIC superou os 57 millóns de euros no ano 2014. Cabe salientar o potencial do comercio exterior correspondente ao sector contidos galego, que presenta unha balanza comercial positiva. Non obstante, o 95,1% das exportacións corresponden ao subsector TIC e están centradas fundamentalmente en equipos de telecomunicacións.
No hipersector TIC galego, preto de 100 empresas realizaron innovacións tecnolóxicas no período 2011-2013, un 25,3% máis que no período 2010-2012. O investimento en I+D no 2013 por parte das empresas galegas ascende a máis de 468 millóns de euros. Supón o 3,6% do total estatal, aínda que se reduciu lixeiramente dende os 487 millóns de euros do período anterior.

PUBLICIDADE