Medra en 15 puntos o uso da Rede entre os galegos de entre 55 e 65 anos
mércores, 6 de novembro do 2019
Para
quen siga opinando que as novas tecnoloxías son cousa exclusiva da
mocidade e que a xente de certa idade non tira proveito das
ferramentas dixitais, sinalarlle que os informes sobre uso das TIC
por idades non fan máis que desmentir estas falsas crenzas. Por
exemplo un dos máis recentes traballos do INE, no que se certifica,
entre outras cousas, que o uso da Rede medrou en 15 puntos entre os
galegos de 55 a 65 anos no último ano.
Este
proceso de crecemento, extensíbel ao emprego e á contratación de
Internet, abrangue tamén a situación dos núcleos máis pequenos de
poboación respecto do proceso dixital (localidades de menos de
10.000 habitantes), que pasaron de ter unha media do 74,3% dos
fogares conectados a unha taxa 81,2% no último ano.
Estes
e outros datos forman parte do estudo publicado en outubro polo INE
(Instituto Nacional de Estatísica) sobre o equipamento e uso das TIC
nos fogares en 2019 e analizados polo Observatorio da Sociedade da
Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo
fai saber o observatorio galego, malia os avances en Internet das
poboacións de máis idades, segue a ser un feito incontestábel que
o uso e a contratación da Rede continúan a estar condicionados polo
perfil sociodemográfico e “en Galicia, malia rexistrarse un
crecemento sostido, mesmo por riba da media do conxunto do Estado, o
peso da poboación maior de 65 anos inclina a o cómputo final de
Galicia ás últimas posicións na comparativa estatal”. De feito
entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de
Internet é practicamente universal.
Ao
fío do devandito, o observatorio galego lembra que as cifras do
último informe do INE confirman que os galegos por debaixo dos 34
anos superan a media estatal no uso habitual de Internet, “pero
especialmente en relación ás compras online”, de xeito que
a mocidade galega supera en 6 puntos porcentuais ao conxunto dos
españois. De maneira paralela a isto, estanse a producir incrementos
significativos do uso das TIC entre a poboación de maior idade.
Respecto
da contratación en Internet, preto do 89% dos fogares galegos conta
con este servizo, o que supón un incremento do 7,5% con respecto ao
ano 2018, superior ao crecemento do conxunto do Estado (5,8%) e o
maior rexistrado desde 2016. Segundo aclara o OSIMGA, “o medre máis
importante prodúcese nos concellos galegos con menor poboación, os
de menos de 10.000 habitantes, nos que os fogares conectados pasan
dun 74,6% a un 81,2%”. Amais, nos espazos urbanos o incremento na
contratación de Internet e da banda larga é superior á do conxunto
do Estado, novamente.
No
que atinxe ao uso das novas Tecnoloxías da Información e a
Comunicación, as TIC, o informe do INE sinala que o 84% dos galegos
e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos
meses, cun incremento do 4,5%, con respecto ao ano anterior. Amais,
como dixemos antes, entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35
anos, o uso de Internet é practicamente universal. Ademais dos usos
tradicionais, como os servizos de mensaxes instantáneas ou o correo
electrónico, unha das vertentes de Internet máis estendidas entre
os internautas galegos a é a banca electrónica, que utiliza o 64,6%
dos internautas na nosa Comunidade, catro puntos máis que a media
estatal. A investigación destaca igualmente a relevante presenza da
Nube como sistema de almacenamento de ficheiros con fins privados,
que practica un 46,2% dos galegos que utiliza Internet converxendo co
conxunto do Estado.
Segundo
a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas que
dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha
conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man.
Trátase da principal tecnoloxía de acceso, por diante da conexión
por ADSL, cable ou fibra, que utiliza o 76,2% dos fogares. No
conxunto de España as posicións invértese.
Respecto
aos datos relativos ao tamaño do hábitat, a investigación recorda
que nos concellos con poboación maior de 20.000 habitantes, a media
galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a
banda larga.
Así,
nas vilas galegas de 20.000 a 50.000 habitantes rexístrase un forte
ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de
Internet e de banda larga. Neste tipo de concellos a conexión a
Internet de banda larga medrou máis dun 8,5%, situándose no 94,1%,
superando o valor da media estatal en 2,5 puntos porcentuais.