Medra de xeito considerable entre os universitarios o interese polas novas tecnoloxías, segundo a USC

xoves, 14 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vén de facer públicos os datos sobre a súa terceira enquisa sobre o uso que os estudantes desta institución educativa fan das novas tecnoloxías da información. O estudo, no que participaron 4.249 mozos e mozas, achega o seguinte dato de interese: preto da metade dos alumnos manifestan que estas novas ferramentas son unha ferramenta imprescindible ou moi importante para abrirse camiño no mercado laboral. Os datos, que foron presentados nunha rolda de prensa este xoves no Colexio Fonseca perante unha nutrida presenza de representantes de empresas relacionadas coa tecnoloxía e as telecomunicacións, sérvenlle á Universidade para tomarlle o pulso ó desenvolvemento do seu Plan Estratéxico das TIC (PETIC). O estudo tamén achega información sobre que opinan os estudantes de incluír como créditos opcionais materias vinculadas á Sociedade do Coñecemento nos seus estudos (máis da metade dixeron que é conveniente e un 35% sinalaron que debería ser obrigatorio) ou cales son os cursos que máis valoran neste eido tecnolóxico, sendo os de ofimática e busca de información os que suscitan máis recoñecemento.
Respecto dos servizos tecnolóxicos postos a disposición da comunidade estudantil pola USC (envío de mensaxes SMS de balde a móbiles coas cualificacións, contas de correo electrónico, cursos virtuais, rede sen fíos, etc), os alumnos manifestaron ter especial predilección polos servizos relacionados coa implantación do servidor de mensaxeiría, pola opción de dispoñer cunha páxina web persoal e pola posibilidade de ter unha conta de correo electrónico. Ademais, 8 de cada 10 estudantes amosáronse a favor de recibir nos seus móbiles sen custe mensaxes SMS coas súas notas (e cómpre sinalar que a día de hoxe xa son uns 22.300 os alumnos que empregaron este servizo).
No que se refire á rede sen fíos da USC, que conta xa con 8.661 usuarios, a institución educativa puído rexistrar na enquisa un meirande coñecemento do servizo por parte do alumnado (con respecto ó que acontecía en anteriores estudos), e a día de hoxe tres cuartas partes dos estudantes saben da existencia desta rede, sendo dun 51% a taxa de alumnos que tiña constancia dela no anterior curso. “A navegación e o correo, seguido do acceso ao campus virtual da USC son os principais uso que os estudantes fan da rede sen fíos”, sinalou a Universidade.

Premios para os alumnos que participaron na enquisa


Durante o acto de presentación dos resultados da consulta tamén se fixo entrega dos diversos premios dun sorteo levado a cabo entre alumnos que participaron na mesma. Así, segundo informa a USC, dous ordenadores portátiles recaeron en Rubén Rubianes Rey e Beatriz Rodríguez Fernández mentres que os móbiles (un total de 15) foron para Ana M. Vilariño Rodríguez, Sonia Pico Villares, Manuel Cacheda Enríquez, Zaida Silvosa Villamide, Aida Costa Piñeiro, Iván Eiris Castro, Alicia Bujeiro Castro, Alba Pérez Rodríguez, Silvana García Dubra, Fernando Álvarez Meno, Jorge Touriño Gallardo, Samuel González Brantuas, Jacobo González Aldrey, Almudena Taboada Castro e Isabel Touriño Durán.

PUBLICIDADE