Medra a familia Mi 11 de Xiaomi

luns, 29 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi realizou hoxe unha grande presentación global para dar conta dos seus novos dispositivos, entre os que destacaban principalmente novos integrantes da familia Mi 11, que chegan acompañados por unha pulseira de actividade e un proxector de vídeo.
Os móbil insignia do que deron conta hoxe foi o Mi 11 Ultra, que aparte da potencia que subministra o seu Qualcomm Snapdragon 888 e a calidade da súa pantalla AMOLED de 6,81 polgadas con refresco de 120 Hz, opta por chamar a atención do público cunha batería de 5.000 mAh con carga por cable e sen fíos de 67 watts (capaz de cargarse completamente en só 36 minutos) e un módulo de cámara traseira especialmente voluminoso para albergar o que DxOMark considera que actualmente é a mellor cámara traseira do mercado cunha puntuación de 143 (o iPhone 12 Pro Max quedaría nunha puntuación de 130 e o Huawei Mate 40 Pro+ en 139).
A cámara traseira ten un sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 120 graos e 48 Mpíxeles e un teleboxectivo de 48 Mpíxeles con zoom óptico de 5 aumentos capaz de conseguir un zoom dixital de 120x. Como curiosidade, xunto ás cámaras traseiras integra unha pantalla AMOLED de 1,1 polgadas que pode utilizarse para distintas funcións como recibir notificacións, responder chamadas telefónicas ou incluso para previsualizar autorretratos.
Este smartphone tamén contará con construción cerámica e resistencia IP68, deixando claro que estamos ante todo un gama alta que venderase por 1.199 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Pero para os que non queren gastar máis de mil euros nun smartphone de gama alta unha opción interesante pode ser o novo Mi 11i, que custará 649 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e 699 euros con 256 GB de almacenamento, contando en ambos casos cun potente procesador Qualcomm Snapdragon, pantalla AMOLED de 6,67 polgadas e 120 Hz de refresco, batería de 4.520 mAh con carga rápida de 33 watts (capaz de cargarse completamente en 52 minutos) e unha cámara traseira tripla que presume dun sensor principal de 108 Mpíxeles.
Coa vista posta na gama media teríamos os novos Mi 11 Lite e Mi 11 Lite 5G, que parten de prezos de 299 e 369 euros respectivamente. Destes móbiles destaca especialmente o modelo con 5G, xa que sería o smartphone deste tipo máis lixeiro do mercado, cun grosor de só 6,81 milímetros e un peso de 159 gramos, mantendo unha pantalla de AMOLED de 6,55 polgadas con refresco de 90 Hz e unha batería de 4.250 mAh con carga rápida de 33 watts, que consegue certo equilibrio entre deseño e prestacións.
Estes novos smartphones de gama media contan cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, e o modelo 5G tamén pode presumir de Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 e NFC, aínda que para poder reducir o seu prezo tiveron contan con tecnoloxías de procesador, memoria e almacenamento de gama media, o que pode resultar evidente se vemos que o seu lector de impresións dixitais está nun lateral en vez de en pantalla. Pese ao prezo axustado tamén inclúen altofalantes estéreo.
O produto que non para de evolucionar é a pulseira de actividade de Xiaomi, que agora chega como Mi Smart Band 6 cunha pantalla táctil AMOLED de 1,56 polgadas cunha resolución de 326 puntos por polgada, monitorización de máis tipos de exercicios, monitorización do sono , monitorización do pulso e incluso medición da saturación de osíxeno en sangue. Promete unha autonomía de até 14 días, ten resistencia á auga até 5 atmosferas e poderase mercar por 44,99 euros.
Para rematar, o novo produto de Xiaomi estaría destinado para o fogar, trátase do Mi Smart Projecto 2 Pro, que terá un prezo de 999 euros (aínda que ofrecerase de lanzamento a 899 euros) e vén a ser un proxector Full HD capaz de presentar unha pantalla de entre 60 e 120 polgadas cun brillo máximo de 1.300 lumenes ANSI con soporte para HDR10. O proxecto incorpora altofalantes de 10 watts e Android TV, de xeito que pode empregarse directamente para reproducir contido de servizos de streaming, así como tamén para reproducir contido mediante a tecnoloxía de Chromecast. O asistente de Google tamén pode empregarse tanto para o control deste dispositivo como para dar ordes á electrónica doméstica compatible.

PUBLICIDADE