Medra a comunidade de Galicia Nomeada, que chega aos 1.300 integrantes

martes, 22 de setembro do 2020 S. P.

A plataforma Galicia Nomeada, a comunidade online dos nosos topónimos impulsada pola axencia AMTEGA e a RAG, foi un exemplo de crecemento e consolidación dende a súa posta en marcha, en decembro de 2019, malia a adversidade da COVID e as limitacións impostas para o traballo de campo en si mesmo (o traballo de verificar, rexistrar, compartir, localizar e visualizar o tesouro dos nosos nomes de lugar). Logo de máis de oito meses de actividade, o proxecto foi quen de reivindicar case 20.000 nomes en vieiros de esquecemento.
Estas contribucións convertéronse en realidade grazas á teimosía dos 1.300 integrantes da comunidade de Galicia Nomeada, que adican esforzos a rexistrar e salvagardar todo tipo de topónimos, poñendo o foco nos microtopónimos (os que designan xeralmente lugares miúdos do rural moi ligados á cultura popular: fontes, recantos, lavadoiros, leiras, soutos, fragas, penedos, outeiros, bosques, etc), que son aqueles que pola súa especificidade presentan máis risco de desaparición. A RAG destacou que a cifra de voluntarios do proxecto non “deixou de medrar durante o Estado de Alarma”, e seguiu a crecer no desconfinamento.

A aplicación toponímica

Galicia Nomeada inclúe unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia. Opera de xeito cidadá e participativo, implicando á veciñanza dos nosos concellos no labor de rexistro, e vén con versión para Android e iOS, servindo de complemento á versión de escritorio.

Como usar Galicia Nomeada

A través dunha interface sinxela e intuitiva, a ferramenta permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos MP3 e MP4) e textos explicativos, todo para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG (que contrastará e verificará a súa existencia), achegas “de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral”.
Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto online, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

PUBLICIDADE