Medio Rural impartirá este mes un curso sobre mercadotecnia dixital e redes sociais para produtores de mel e lácteos

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), ten previsto organizar un curso sobre mercadotecnia e redes sociais para produtos derivados do leite e do mel. A acción formativa está programada para os días 15, 16 e 17 de setembro na cooperativa Capela, en horario de tarde.
O obxectivo principal deste curso é “que os produtores de mel e de lácteos teñan coñecementos para levar a cabo un plan comercial alternativo baseado nas redes sociais”. Para iso, a acción formativa versará sobre a elaboración dun plan de social media e unha estratexia de planificación e análise, co fin de poder lanzar estes produtos a través dos distintos servizos dixitais e así abrir novas vías de mercado. Así mesmo, tamén se impartirán diversas chaves para crear contidos multimedia e daranse a coñecer varias ferramentas de deseño e fotografía que poderán usar os asistentes para mellorar a imaxe dos seus produtos na esfera dixital.
Este curso está dirixido en xeral a calquera persoa ligada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Medio Rural lembra que as accións formativas da Consellería para este ano poden consultarse na súa web. Nesta páxina pode atoparse o referido curso da Capela e descargar as solicitudes de asistencia pertinentes, que deben enviarse cubertas ao enderezo electrónico alejandro.martinez.verez@xunta.gal. As persoas interesadas en consultar calquera dúbida poden informarse chamando ao teléfono 981 337 044.

PUBLICIDADE