Medio Rural destina axudas por 2,5 millóns para a dixitalización e innovación das empresas forestais

xoves, 1 de setembro do 2022 S. P.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, destina un total de 2,5 millóns de euros ás axudas de apoio ás actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal.
Nesta convocatoria (expostas xa no DOG) poderanse atender proxectos, gastos e investimentos que se veñan realizando en Galicia dende o 2021 e que se xustifiquen
- como tarde- o 31 de maio de 2023. O orzamento para este ano é de 1.000.000 de euros e para o 2023 de 1.500.000 euros.
Poderán beneficiarse destas subvencións as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal.
As actividades obxecto das axudas divídense en dous grandes bloques. A liña 1 de Ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, e a liña 2 de Dixitalización, dirixida a apoiar proxectos de transformación das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvolvidos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Por exemplo, sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo ou o desenvolvemento ou adaptación de interfaces dixitais para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.
O importe máximo da subvención será do 70% do gasto subvencionábel, cun límite máximo de 70.000 euros por beneficiario e un gasto mínimo subvencionábel de 7.000 euros. Na Liña 2 de dixitalización, esta porcentaxe verase incrementada ata o 80% do gasto subvencionábel cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados pola Consellería do Medio Rural ou para aqueles proxectos de rastrexabilidade nos que se graven as transaccións na plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada FORTRA.
Estas axudas están financiadas ao 100% no marco do eixe React-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e as solicitudes deberán presentarse por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para a súa presentación permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación desta resolución ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esa data.

PUBLICIDADE