Medio Ambiente pon en marcha un sistema sobre usos e ocupación do solo

luns, 12 de setembro do 2016 Redacción

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé

A Consellería de Medio Ambiente activou unha tecnoloxía directamente encamiñada a traballar a prol da ordenación do territorio. Trátase, máis polo miúdo, dun sistema de datos con información sobre os usos e a ocupación do solo, con espazo web de seu en mapas.xunta.gal. A ferramenta foi dada a coñecer nos seus detalles pola directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, que participou no inicio da xornada sobre as bases topográficas, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros en Xeometría e Topografía.
Santé salientou que o sistema daranos información inmediata, integrada e centralizada sobre o desenvolvemento no tempo dos usos do solo. Estes datos, dixo, resultan “imprescindíbeis para unha chea de investigacións ambientais e de ordenación, e tamén para os plans urbanísticos, posto que permiten coñecer a situación actual e trazar proxectos futuros axeitados de transformación, así como obter indicadores de sustentabilidade ambiental”.
Tamén destacou que o Sistema de Seguimento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio é “unha aplicación doada de usar, que permite aos analistas do territorio e aos cidadáns en xeral a consulta e análise das diferentes fontes de información relacionadas coa ocupación e uso do solo”.
Entre a información que se pode visualizar e consultar atópase accesíbel por primeira vez o Sistema de Información de Ocupación do Solo en España (SIOSE) dos anos 2009 e 2011, que se engade aos datos xa dispoñibles do SIOSE 2005. Esta información sobre a evolución do uso do solo completarase a finais deste ano cun novo mapa do SIOSE 2014, no que está a traballar o IET dende finais de 2015.

PUBLICIDADE