Medio Ambiente convídanos a pechar fileiras arredor da economía circular a través de Mellorrepararquetirar.gal

xoves, 12 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Medio Ambiente presentou onte os seus novos recursos para impulsar o novo modelo de economía circular en Galicia: sustentábel, racional, respectuosa co medio e rendíbel. Os recursos foron dados a coñecer pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, quen puxo o foco nos ambiciosos obxectivos da Rede Galega de Preparación para a Reutilización (PxR), firmemente alicerzada no participativo e no colaborativo. Ante un cento de persoas (representantes de concellos, universidades, asociacións, empresas), a primeira reunión da nova rede PxR foi unha proclama a prol de sumar a meirande cantidade de apoios arredor desta estratexia sustentábel. Estes apoios estanse a formalizar a través da web Mellorrepararquetirar, que é un dos grandes piares da iniciativa.
Precedentes inmediatos
Ao longo de 2019, segundo detallou a directora xeral, a Consellería desenvolveu diversas actuacións baseadas no fomento das boas prácticas neste ámbito. Entre elas, subliñou a creación dunha base de datos de experiencias e proxectos de preparación para a reutilización e reparación, así como dos axentes (públicos e privados) que xa están vencellados a este tipo de accións en Galicia (unhas 600 entidades).
Tamén lembrou que máis recentemente, o pasado mes de outubro, púxose en marcha unha proba piloto en Valga, coa apertura dentro do Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) dun espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación tamén de obradoiros formativos e de sensibilización para a cidadanía.
Asemade, recordou que en 2019 habilitouse un espazo transversal de debate e colaboración para facilitar o intercambio de coñecemento en preparación para a reutilización e reparación, a través do fomento do traballo en rede de distintos grupos de interese. “Este esforzo”, dixo, “plasmouse en novembro na posta en funcionamento da web Mellorrepararquetirar, coa que se busca dotar dun entorno virtual que dea soporte ao conxunto do proxecto e a todos os seus membros, e o deseño dun logotipo identificador da Rede Galega PxR”.
O obxectivo final, dixo, é “impulsar o labor conxunto entre distintos tipos de entidades e administracións para intercambiar experiencias, desenvolver proxectos colaborativos, detectar necesidades e, en suma, abrir un debate multilateral para a efectiva creación dunha rede de entidades e establecementos implicados na preparación para a reutilización e reparación en toda a Comunidade”.

PUBLICIDADE