MediaTek presenta procesadores que permitirán a aparición de móbiles 5G moi económicos

mércores, 11 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Dende MediaTek continúan a contribuír á popularización da tecnoloxía 5G grazas aos seus procesadores máis económicos, e así como o seu procesador Dimensity 720 fixo posible que o Realme V5 5G poida conseguirse por uns 166 euros ao cambio con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, nos vindeiros meses poderiamos chegar a ver máis produtos avanzando na mesma liña grazas ao novo procesador MediaTek Dimensity 700.
Esta solución de MediaTek achega nun único chip 5G a posibilidade de gozar incluso de dobre SIM 5G, o que é todo un logro para o que parece ser o procesador 5G máis económico do mercado. O Dimensity 700 combina 2 ARM Cortex A76 que poden operar até a 2,2 GHz, soporte memoria LPDDR4X de até 2,133 MHz e almacenamento UFS 2.2 de dobre pista para conseguir velocidades de transferencia de 1 GB/s, conseguindo así dispositivos de bastante potencia e reducido consumo.
Un dos puntos fortes dos procesadores Dimensity 700 é o soporte de pantalla Full HD+ a 90 Hz, podendo tamén manexar cámaras de até 64 Mpíxeles e incluso fai posible a detección de varias ordes de activación por se un usuario quere empregar no seu móbil distintos asistentes de voz.
Iso si, esta solución tamén conta con limitación como non poder ofrecer WiFi 6, ou non gravar vídeo en 4K, carencias máis que comprensibles en dispositivos da gama á que se dirixe MediaTek.

PUBLICIDADE