Media Markt supera as 10.300 visitas na súa apertura de portas na Coruña

venres, 6 de xuño do 2014 Redacción

Unha das empresas de máis sona no eido da electrónica de consumo, lecer e electrodomésticos, Media Markt, inauguraba esta semana un establecemento no coruñés centro comercial Marineda City. A cifra de curiosos que se achegaron á nova tenda de Media Markt superou os 10.300 clientes coincidindo coa campaña A túa Xogada do Mundial, que alenta aos clientes a participar nunha porra exclusiva: devolvendo o importe do ticket de compra a aqueles que acerten os dous finalistas do Mundial 2014 e que mercasen en Media Markt A Coruña do 5 ao 7 de xuño.
Cómpre dicir que os produtos máis vendidos durante o seu primeiro día de inauguración foron os smartphones, os portátiles e os televisores de última xeración de grande polgada. Álvaro Jiménez, xerente de Media Markt A Coruña, explica que “a acollida recibida por parte dos habitantes da Coruña foi moi positiva”. Asemade, engadiu que “superamos as expectativas marcadas e agardamos que esta tenda sexa un importante motor comercial para a zona da Coruña”.
Para achegármonos un pouco á historia desta compañía, é preciso sinalar que foi creada en 1979, e que pertence ao grupo Media-Saturn-Holding GmbH, baseándose a súa filosofía nunha ampla variedade de produtos ao prezo máis baixo posíbel. Arestora, Media Markt está presente en todas as provincias españolas, con 72 establecementos, amais da tenda en liña. En canto a Europa, a compañía conta cun total de 765 establecementos situados en 15 países.

PUBLICIDADE