MeLiSA organiza a edición coruñesa do festival FLISoL de software libre

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

O Festival Latinoamerciano de Instalación de Software Libre (FLISoL) celebrará unha nova edición, a convocatoria FLISoL 2020 A Coruña, o vindeiro 26 de setembro, en formato online e da man da Asociación MeLiSA. Trátase do evento de divulgación e reivindicación de software libre máis grande en Latinoamérica e está encamiñado a xuntar, para o intercambio de coñecementos, recursos, solucións e colaboracións, a estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos e, en xeral, seareiros da informática sen cancelas.
O FLISoL, que se leva celebrando dende 2005, é un evento aberto, argalleiro e colaborativo organizado polas diversas comunidades locais de software libre. Inclúe charlas, relatorios e obradoiros sobre proxectos de informática non privativa tocando o seu amplo abano de ventes: social, cultural, filosófica, empresarial, etc.
Por mor da crise sanitaria e a COVID-19, durante o 2020, moitas comunidades pertencentes ao FliSoL, organizaron o evento de maneira virtual.
A edición 2020 do FLISoL organizada desde A Coruña, contará con diferentes charlas emitidas en liña que serán gravadas e posteriormente penduradas para poder ser vistas. Para máis información sobre o evento, podemos visitar a páxina web do mesmo, xa habilitada.
Esta xornada forma parte das actividades que a Asociación MeLiSA realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE