Max recuperará a marca HBO Max

mércores, 14 de maio do 2025 Marcus Fernández

A plataforma de vídeo baixo demanda de Warner Bros. Discovery leva uns anos nos que non consegue estabilizar a súa imaxe marca, pois tras ter nos EE.UU. as plataformas HBO Go e HBO Now, aínda que na súa expansión internacional quedou simplemente en HBO, marca coa que chegou a España en 2016.
Os cambios corporativos dentro da Warner levaron a que en 2019 decidisen reformular a súa marca como HBO Max, para sorprender en 2023 anunciando que, tras a fusión de WarnerMedia e Discovery, a combinación das súas plataformas dixitais, HBO Max e Discovery+, recibiría como nome Max, desprendéndose dunha marca HBO, que era sinónimo de calidade, pero tamén con certos toques clásicos dos que querían afastarse para atraer a nova audiencias.
Este último cambio de marca resultou ser un erro estrepitoso, por adoptar unha palabra xenérica con grandes problemas para ter unha presenza en liña (pasar dun nome de usuario como @hbomax a @streamonmax era claramente un retroceso), e finalmente anuncian que recuperarán a marca HBO Max o vindeiro verán, sen realizar cambios na plataforma que vaian máis aló da renovación da marca (ou sexa, que non será preciso reinstalar a aplicación nos nosos dispositivos).
A compañía quixo pór a venda antes da ferida, e comunicou este cambio de marca con humor nas redes sociais, con referencias a numerosos memes, facendo burla do baile de nomes antes de que o fixeran os demais, recoñecendo publicamente o grande erro anterior.
Este cambio chega hoxe porque é cando se presentan as novidades de toda a compañía para a vindeira tempada nun acto que ten lugar en Nova York. En tal presentación xa falan de HBO Max como se nada tivese acontecido, e dan conta da preparación da segunda tempada do drama médico The Pitt, da estrea no verán da serie The Know What They Did ou da chegada en 2026 dunha serie de reportaxes de investigación baixo a marca Vanity Fair, entre outras moitas novidades.