Mática organiza esta semana novos obradoiros tecnolóxicos para as mozas de entre 12 e 18 anos

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa colaboración das tres universidades galegas, celebran esta semana unha serie de obradoiros tecnolóxicos ao abeiro do programa Mática, destinado a promover a vocación tecnolóxica entre as rapazas e a crear “unha comunidade de mozas de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos que permita desenvolver as súas competencias no eido das TIC”.
Mática forma parte das iniciativas previstas no marco do programa Tech Kids, froito do convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a AMTEGA para a posta en marcha de accións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.
No que queda de semana (do mércores 27 ao venres 29) celebraranse tres obradoiros en formato híbrido, a través da plataforma Zoom ou de forma presencial na Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC), na Aula 2.7, de 18:00 a 20:00 horas. As inscricións poderán realizarse en liña e de forma individual para cada taller. O mércores celebrarase o obradoiro As posibilidades da informática: desde TikTok ata o ADN que impartirá a enxeñeira en Informática e actualmente estudante de doutoramento Delfina Ramos Vidal. O xoves a xornada será a quenda de Construíndo aplicacións móbiles con AppInventor, que impartirá Paloma Piot Pérez-Abadín, enxeñeira de software en viesure innovation center. E finalmente o venres finalizará a actividade con taller Introducción á Visión Artificial, impartido pola enxeñeira en Informática, doutora en Computación e docente na FIC, Lucía Ramos García.
Por outra parte, o CPEIG e AMTEGA lembran que este luns 25 de outubro remataron as visitas a centros escolares dentro do programa Ciberseguranza Kids posto en marcha polas dúas entidades. O obxecto da actividade, destinada a estudantes de entre sete e doce anos, foi explicarlles que é a ciberseguridade a través dun contacontos dinámico e participativo. Uns 800 rapaces de todos os puntos da comunidade participaron nas 16 sesións celebradas en colexios das catro provincias.
O contacontos Ciberserguridade con Sofía mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Este conto xa está dispoñible en versión dixital na web do CPEIG.

PUBLICIDADE