Mass Effect 3 sae á venda este venres

xoves, 8 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Mañá chega ás tendas españolas o agardado xogo Mass Effect 3, que porá fin a unha épica saga de proporcións cósmicas, na que debemos liberar ao planeta Terra da invasión dos reapers e evitar a extinción da galaxia meténdonos na pel do comandante Shepard, que viaxa na nave estelar Normandy SR2 cun equipo de elite listo para recibir ordes. De gozarmos de conexión á Rede tamén será posible realizar esta aventura en modo cooperativo de ata 4 xogadores, afectando os progresos nas partidas en liña ao resultado das partidas en solitario.
O xogo pretende chegar a un público maior que anteriores entregas, de xeito que permite afrontar a aventura de 3 xeitos distintos, segundo o tipo de xogador que sexamos, balanceando este título entre os xéneros RPG e shooter.
Tamén hai que destacar que a versión para Xbox 360 será compatible con Kinect, o que permitirá o uso de ordes de voz durante o xogo. Como curiosidade, dando que entre as opcións de Mass Effect 3 está a personalización do sexo do protagonista, a portada que inclúe este título será reversible, de xeito que podemos optar por conservar a inicial versión masculina de Shepard ou dar a volta á carátula para que sexa a súa encarnación feminina a que destaque na súa caixa.

A portada de Mass Effect 3 é reversible


Trailer de lanzamento de Mass Effect 3

PUBLICIDADE