Mass Effect 2 chega á PS3 en xaneiro

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Tras un impresionante éxito na Xbox 360 e no PC o xogo Mass Effect 2 (considerado coma un dos mellores xogos de 2010) chegará este mes á PlayStation 3 no que aseguran que é «máis que unha simple conversión» e que sorprende porque estará dispoñible simultaneamente en tendas e na PlayStation Network (coma xogo descargable). A data de lanzamento para EE.UU. está fixada para o 18 de xaneiro, desembarcando en Europa o 21 de xaneiro.
Mass Effect 2 ofrece unha aventura épica de ciencia ficción, cun protagonista heroico, compañeiros memorables (cada un cunha personalidade e unhas habilidades características), viláns aterradores, grandes galaxias por explorar, razas alieníxenas exóticas, armas e vehículos de alta tecnoloxía e unha historia moi sólida.
No xogo tomaremos o papel do comandante Shepard liderando a un grupo de mercenarios, científicos e soldados nunha misión para investigar a desaparición de varias colonias humanas ao longo da galaxia. Tamén existe a posibilidade de importar unha partida gravada na primeira entrega do xogo, herdando así as consecuencias das decisións tomadas anteriormente, o que agradecerán os que botasen moitas horas a Mass Effect e queiran continuar as aventuras onde as deixaran.
Para compensar o retraso desta entrega, o xogo inclúe de balde as misións descargables Overlord, Lair of the Shadow Broker e Kasumi.

PUBLICIDADE