Mascotas e obxectos perdidos atopan acorro nunha aplicación móbil galega

xoves, 20 de outubro do 2016 Marcus Fernández

En numerosas ocasións unha necesidade puntual é a que nos fai conscientes dunha demanda existente que non está ben atendida, e iso parece que lle pasou a Roberto Pérez Álvarez, máis coñecido como O Reberete, e que pese a desenvolver un oficio moi pouco tecnolóxico (artesán de instrumentos de música tradicional no concello ourensán de Maside), está a converterse en todo un emprendedor no mundo das aplicacións móbiles co lanzamento dun par de ferramentas para atopar mascotas e obxectos perdidos.

Con Wizapet non deas por perdida á túa mascota

Nas últimas semanas estreouse na App Store e en Google Play a aplicación Wizapet, ferramenta colaborativa de publicación de anuncios de mascotas perdidas ou atopadas, de xeito que se atopamos un animal extraviado, podemos publicar un aviso coa localización GPS onde o atopamos, un título, una descrición e unha imaxe, facilitando así que o seu dono saiba que foi da criatura, mentres que se padecemos a desgraza de non poder localizar á nosa mascota, tamén podemos realizar unha operación semellante, pero incluíndo tamén a posibilidade de ofrecer unha recompensa a quen atope ao prezado animal (que poden satisfacerse en liña de xeito seguro a través da plataforma MangoPay).
Os anuncios publicados na aplicación poden consultarse a través dunha listaxe ou dun mapa (onde figuran interrogacións para indicar perdas e exclamacións para destacar achados), e dentro da ficha de cada mascota é posible iniciar un chat coa persoa que publicou o anuncio. Amais, ao estarmos ante información xeolocalizada a aplicación tamén avisa aos seus usuarios mediante notificación móbil dos novos anuncios que se publiquen no seu contorno, conseguindo así unha grande e inmediata difusión dos anuncios publicados, o que sen dúbida será de grande utilidade para propietarios de animais sen chip e de protectoras de animais e particulares que atopen animais perdidos.

Os animais non son obxectos

Ante a grande diferenza que existe entre a perda de obxectos e de mascotas, Wizapet ten unha aplicación irmá, Wizaper, que podemos atopar na App Store e en Google Play, e que limítase a anuncios de obxectos perdidos, conservando a mesma mecánica que a aplicación anterior, pero abríndose a usos moito máis amplos. Tamén permite a publicación de avisos de obxectos atopados ou perdidos, para poder contactar logo os seus usuarios a través dun chat, e podendo tamén satisfacerse o pagamento de recompensas de xeito electrónico (de xeito que resulta doado mandar cartos dende unha tarxeta de crédito ou débito a unha conta bancaria).

Desenvolvemento totalmente galego

Ambas ferramentas son de Roberto Pérez Alvarez, quen abordounas sen ningún apoio financeiro externo, co apoio da consultora especializada Datalawyers e do equipo de desenvolvedores de TheQuizProject, de xeito que a creación de ambas ferramentas quedou completamente en Galicia.

PUBLICIDADE