MásMóvil quere externalizar a súa rede de fibra

venres, 15 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Meinrad Spenger é o fundador e conselleiro delegado de MásMóvil

O diario Expansión publica en exclusiva que o operador de telecomunicacións MásMóvil, actual propietario da compañía de cable R, está a principiar o proceso para segregar da súa compañía a rede de Euskaltel que chega a 1,1 millóns de fogares de Galicia, Asturias e País Vasco, para o que crearán unha nova sociedade da que serían propietarios ao 49%, permitindo que a participación maioritaria sexa dun investidor, existindo xa varias compañías interesadas en controla a nova empresa (como Onivía, Lyntia e Infravía).
Esta operación suporía que a modernización da actual rede de Euskaltel (para que todos os clientes rematen tendo acceso a través de FTTH) non recaería nas arcas de MásMóvil, á vez que inxectaría capital para poder reducir a súa elevada débeda provocada pola adquisición de varios operadores nos últimos anos.
Coméntase que a compañía que pasaría a ser responsable da rede de Euskaltel chamaríase FiberCo, pola que pedirían 500 millóns de euros aos que habería que engadir 100 millóns de euros para a modernización da rede de fibra, e MásMóvil recompraría o 49% das accións por 150 millóns de euros, de xeito que a operación reportaríalle 450 millóns de euros.

PUBLICIDADE