MásMóvil está á espera de recibir a autorización da CNMC para mercar Euskaltel

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

A Oferta Pública voluntaria de Adquisición de accións (OPA) sobre a totalidade das accións representativas do capital social de Euskaltel por parte do Grupo MásMóvil segue adiante, téndose notificado o pasado 29 de marzo á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), organismo que terá que determinar se o grupo resultante podería supor algún problema competitivo no mercado. No caso de non atoparse maiores obxeccións a OPA podería recibir autorización aproximadamente no prazo dun mes.
Esta OPA lanzouse despois de chegar a un acordo cos titulares do 52,32% do capital de Euskaltel, ofrecendo 11,17 euros en efectivo por cada acción, polo que podería supor un desembolso total de 1.995.468.671,2 euros. Para que a operación poida completarse será preciso que accedan vender as súas participacións máis do 75% dos titulares de valores da sociedade, así como obter o visto e prace das autoridades pertinentes, que non só terán que analizar o impacto na competencia, senón tamén o risco de deixar en mans de capital estranxeiro unha empresa que xogue un rol importante nas infraestruturas de telecomunicacións.

PUBLICIDADE