Marvel vs. Capcom: Infinite chega ás tendas

martes, 19 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Un dos xogos de loita máis esperados do ano xa está aquí, Marvel vs. Capcom: Infinite, título que supón a colisión do Universo Marvel co dos personaxes dos videoxogos de Capcom, permitindo así gozar de enfrontamentos imposibles e sumamente espectaculares, nos que os xogadores poderán gozar tanto dun desafiante xogo indivisual como de modos multixogador. Máis de 30 loitadores forman o cadro de personaxes inicial, e o xogo pode adquirirse por 59,99 euros nas súas versión para PlayStation 4 e Xbox One, e por 49,99 euros na súa versión para PC.
Quen queira gozar do modo historia de Marvel vs. Capcom: Infinite poderá vivir unha aventura na que os loitadores que elixamos terán que enfrontarse á combinación dos malvados robóticos Sigma e Ultrón, que como Ultrón Sigma pretenden infectar a toda a vida biolóxica dos universos dos que proceden. Os combates non só terán a participantes moi coñecidos, senón que tamén serán recoñecibles os escenarios onde terán lugar as contendas de 2 contra 2.
Aparte dos loitadores iniciais, os usuarios que se fagan coa edición de luxo recibirán tamén un pase de tempada para desbloquear no futuro a 6 personaxes adicionais: Sigma, Pantera Negra, Monster Hunter, Venom, Soldado de Inverno e Viúva Negra.

Tráiler de lanzamento de Marvel vs. Capcom: Infinite

PUBLICIDADE