Marvel vs Capcom 2 chega á Xbox 360

mércores, 29 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Tras varios meses de espera chega ao Bazar de Xbox LIVE a revisión do clásico xogo de recreativas Marvel vs Capcom 2, que adapta os gráficos do xogo orixinal á alta definición mediante o uso de certos filtros (en vez de partir de deseños redebuxados coma fan outros produtos semellantes coma o impresionante Super Street Fighter II Turbo HD ReMix) e achega un total de 56 personaxes que poderán enfrontarse por quendas en equipos de 3, combinando a personaxes da Marvel (Lobezno, Spider-Man, Iron Man, etc.) cos de distintos xogos de Capcom (Ryu, Ken, Chun-Li, etc.). O prezo deste título é de 1.200 puntos (14,4 euros).
Polo momento este remake só está dispoñible para Xbox 360, aínda que chegará á PlayStation 3 no mes de agosto e cómpre destacar que xa fora levado a outras consolas de videoxogos no pasado (concretamente á Dreamcast, á PlayStation 2 e á Xbox orixinal).
A conversión parece estar moi conseguida, e dende a web especializada en videoxogos Eurogamer xa a puntuaron cun 9 sobre 10, deixando claro que é un dos mellores xogos de loita en 2D que podemos atopar para as consolas de videoxogos actuais, principalmente pola súa xogabilidade.

PUBLICIDADE