Marvel’s Spider-Man 2 chega en febreiro a PlayStation Plus

xoves, 12 de febreiro do 2026 Redacción

PlayStation Plus renovará o vindeiro 17 de febreiro o seu catálogo de xogos cunha das actualizacións máis destacadas dos últimos meses. A modalidade Extra e Premium incorporará títulos de peso como Marvel’s Spider-Man 2, Test Drive Unlimited Solar Crown, Neva ou Season: A Letter to the Future, mentres que Wall-E, adaptación do filme de Pixar, pasará a formar parte da oferta exclusiva de Premium. Unha interesante mestura de grandes producións recentes con propostas independentes e experiencias narrativas con corte de autor.
Entre as incorporacións máis salientables figura Marvel’s Spider-Man 2, desenvolvido por Insomniac Games para PS5. A aventura permite alternar entre Peter Parker e Miles Morales nunha Nova York ampliada e máis dinámica, mentres ambos heroes afrontan a ameaza de Venom. O título introduce novas habilidades, como as alarañas, e aposta por unha narrativa máis ambiciosa e escura.
Tamén destaca Test Drive Unlimited Solar Crown, que supón o regreso da veterana saga de condución tras máis dunha década. O xogo reformula o concepto de carreiras en mundo aberto compartido, cunha ampla selección de fabricantes internacionais e un sistema competitivo estruturado arredor de dous clans rivais, Streets e Sharps, que loitan pola supremacía nas clasificacións en liña.
No ámbito das experiencias máis intimistas, Neva, dos creadores de Gris, presenta unha aventura de acción cun forte compoñente emocional. A protagonista, Alba, establece un vínculo cunha loba nun mundo que perde progresivamente a súa vitalidade. A relación entre ambas evoluciona ao longo dunha travesía marcada pola supervivencia e a superación de desafíos.
Pola súa banda, Season: A Letter to the Future aposta por unha proposta contemplativa en terceira persoa na que o xogador percorre en bicicleta un territorio ameazado por un cataclismo inminente. A recollida de sons, imaxes e testemuños constrúe unha reflexión sobre a memoria, a cultura e a desaparición.
O catálogo complétase con Monster Hunter Stories 2: Wings of Ruin e a reedición do primeiro Monster Hunter Stories, que trasladan o universo da coñecida franquía de acción cara ao rol por quendas e á crianza de monstros. Xunto a eles sitúanse Venba, unha historia sobre migración e identidade contada a través da cociña, Echoes of the End: Enhanced Edition, aventura de acción inspirada nas paisaxes islandesas, e Rugby 25, centrado na simulación deportiva.
Na modalidade Premium, Wall-E recupera o clásico de PlayStation 2 baseado no filme de 2008, cunha combinación de plataformas, crebacabezas e minixogos multixogador.