Marvel’s Avengers anuncia a súa despedida

luns, 23 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O anuncio dun xogo dos Vingadores por parte de Crystal Dynamics captara moito interese por parte dos xogadores, pero unha vez que veu a luz Marvel’s Avengers converteuse nunha grandísima decepción, non por ser un título mal desenvolvido, senón por adoptar un formato de xogo como servizo (recibindo contido periodicamente), o que rematou véndose como un sacacartos que rapidamente perdeu o favor do público até o punto de prexudicar a outros títulos como Marvel’s Guardians of the Galaxy, que non conseguiu o seu merecido recoñecemento até meses despois do seu lanzamento, cando quedou claro que ofrecía unha experiencia completa e coidada.
Aínda que Marvel’s Avengers tiña previsto ser un xogo a moi longo prazo, non conseguiu callar, polo que Crystal Dynamics decidiu anunciar a súa actualización definitiva, que chegará o 31 de marzo, tras a que o xogo non recibirá contidos adicionais, rematando o soporte do xogo o 30 de setembro. O remate do desenvolvemento tamén suporá a desactivación da tenda de elementos cosméticos e, en previsión desa circunstancia, a partir do 31 de marzo non será posible adquirir máis créditos para o xogo, e os créditos que aínda posúan os usuarios converteranse en recursos dentro do xogo.
Como cortesía cara aos usuarios que aínda seguían fieis ao xogo, a partir do 31 de marzo as indumentarias, as tarxetas de desafío e outros elementos cosméticos dispoñibles na tenda do xogo pasarán a estar dispoñibles de balde para todos os xogadores.
Crystal Dynamics aseguran que tras o 30 de setembro continuará a ser posible gozar do xogo en solitario e tamén no seu modo multixogador (sen detallar cando deixará de operar este último). O que non poderá facerse a partir do 30 de setembro é adquirir o xogo en formato descargable.

PUBLICIDADE