Martiño Noriega visitou as instalacións en Compostela de Televés

venres, 9 de novembro do 2018 Redacción

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou esta semana a sede principal dunha das empresas compostelás máis históricas e sobranceiras en activo: Televés. Na cita nas instalacións da compañía de telecomunicacións, no barrio de Conxo, tamén participaron a concelleira Marta Lois, o director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, e o secretario xeral da corporación, Jorge Lorenzo.
A visita do alcalde e da concelleira de Desenvolvemento Económico inseriuse no marco das relacións institucionais entre o Concello e Televés, en palabras do alcalde “unha das principais compañías de Compostela”, que a día de hoxe rolda os 800 empregados nas empresas que forman parte da corporación.
Martiño Noriega e Marta Lois puideron coñecer en detalle as orixes da compañía e o seu desenvolvemento no tempo, abeirado un proceso continuo de innovación, diversificación e busca de novos mercados (Televés ten presenza de seu en máis de 100 países a través das súas 11 filiais internacionais).
A maiores, Santiago Rey e Jorge Lorenzo guiaron ao alcalde e á concelleira nun percorrido polas instalacións de Conxo, no que puideron ver os diferentes departamentos de Televés e coñecer algúns dos proxectos innovadores nos que está a traballar. Martiño Noriega mostrou o seu orgullo “porque unha empresa de Compostela sexa líder no seu sector e referente en todo o mundo, mantendo o seu núcleo na nosa cidade”. Tamén amosou a vontade do seu equipo de tirar proveito “do coñecemento e a experiencia de Televés para colaborar en proxectos de interese para Santiago”.

PUBLICIDADE