Marta García de la Concha afondará nos retos da investigación dos ciberdelitos nas xornadas do CPETIG

martes, 22 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O programa de actividades das Xornadas de Informática Xudicial que se celebran este venres da man do CPETIG tamén contará coa presenza da que sen dúbida é unha das grandes expertas da nosa terra en materia de novos delitos xurdidos ao abeiro das novas tecnoloxías da información, delitos que nunha boa parte dos casos teñen aos nosos menores como vítimas principais. Falamos de Marta García de la Concha, fiscal especializada en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, que falará nas xornadas do CPETIG dos retos da fiscalía ante o medre deste tipo de actividades. Máis polo miúdo, a súa intervención xirará arredor das dificultades que presenta a investigación desta forma de criminalidade, comezando pola insuficiencia lexislativa tanto no aspecto substantivo como de procedemento, as previsións dos proxectos lexislativos de reforma do Código Penal e o Código Procesal Penal.
Tamén falará sobre novos delitos e métodos de investigación, facendo mención de prácticas como deep web e xeitos de combater aqueles como a posta en actividade de axentes encubertos ou troianos policiais, facéndose especial fincapé na necesidade de crear máis colaboración internacional.
A relatora non é nin moito menos unha acaba de chegar a este eido de investigación, nin tampouco á divulgación relacionada coas súas pescudas. Recentemente puidemos escoitala no Centro Demostrador TIC de Santiago, noutra actividade desenvolvida polo CPETIG: Os menores e o uso seguro das redes sociais. Neste obradoiro de divulgación, García de la Concha amosou a súa experiencia na loita contra prácticas como o ciberbulling (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor) ou o sexting (envío de fotografías sexuais), amais de achegar luz sobre a privacidade e a seguridade nas redes e sobre os principais métodos a aplicar para acadar un uso seguro destas ferramentas. García de la Concha tamén interveu recentemente no ciclo de conferencias das Xornadas Policiais sobre Seguridade e Novas Tecnoloxías celebradas na Estación Marítima de Vigo, onde abordou a evolución da criminalidade informática (as novas modalidades de delito) e recoñeceu o desfase existente entre as innovacións tecnolóxicas e a renovación lexislativa, ao tempo que explicou como as estafas por Internet convertéronse xa no apartado que xera un meirande número de denuncias, tanto no seu eido de acción, Pontevedra, coma no resto de España.

PUBLICIDADE