Mark Cerny adiante detalles da consola sucesora da PlayStation 4

martes, 16 de abril do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 80 KB
Cerny asegura que a futura consola manterá a compatibilidade cos cascos de PlayStation VR

Dado que este ano Sony non acudirá oficialmente á feira de videoxogos E3, descoñécese cando dará detalles sobre a súa vindeira xeración de consolas de xeito oficial, pero dende Wired xa achegan detalles da man de Mark Cerny, un dos máximos responsables da que que será a consola sucesora da PlayStation 4.
Aínda que a PS4 xa contou cunha actualización no medio da súa xeración (a PS4 Pro), Cerny asegura que a vindeira consola si suporá un grande cambio, polo que podería responder ao nome de PlayStation 5, pero tamén insiste en que non verá a luz no presente ano. Recoñece que xa hai varios estudios de videoxogos traballando cos kits de desenvolvemento da nova máquina, para que os creadores de videoxogos teñan tempo para ir adaptando os seus produtos ao que está por chegar.
A nova consola suporá un importante salto de capacidade e velocidade na CPU e na GPU, de xeito que teriamos unha nova CPU de AMD baseada en procesadores Ryzen, que contarán con 8 núcleos e estarán fabricados cunha microarquitectura Zen 2 de 7 nanómetros. A GPU, pola súa banda, sería unha variante da familia Navi, con soporte para ray tracing, de xeito que presentará uns contornos tridimensionais moito máis realistas. Cerny menciona que o procesador de AMD tamén incluirá unha unidade para audio en 3D, ou sexa, que a nova xeración de consolas podería experimentar unha clara mellora na experiencia sonora que apenas mudara entre PS3 e PS4.
Un detalle bastante curioso mencionado por Cerny é que a PlayStation 5 sería compatible cos cascos de realidade virtual PlayStation VR, ou sexa, que aínda que queren tranquilizar aos presentes compradores dándolles a entender que o seu investimento nun casco de VR poderá amortizarse a longo prazo.
Aparte de mellorar en procesadores e memoria, parece que por fin a PS5 abriría a porta a unidades SSD, dicindo adeus ás lentas unidades de disco duro, que son un dos factores que máis afectan aos tempos de carga nos videoxogos actuais, supoñendo todo un pescozo de botella.
Mark Cerny chega a asegurar que a futura consola será capaz de mover gráficos en 8K, aínda que non parece que vaia ser un factor moi importante polo momento, xa que o 4K aínda non se impuxo como norma, e non está nada claro que o 8K vaia ter pulo dabondo no mercado da electrónica de consumo (principalmente ante a falta de contidos que poidan aproveitar unha resolución tan elevada).

PUBLICIDADE