Mario Kart 8 para Wii U sairá á venda o 30 de maio

xoves, 13 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Espérase que Mario Kart 8 contribúa a mellorar as vendas de Wii U

Esta noite puido seguirse un novo Nintendo Direct, o primeiro de 2014, que desvelou toda unha batería de datas de lanzamento e detalles de vindeiros títulos para Wii U e Nintendo 3DS entre os que destaca Mario Kart 8, xogo para a consola doméstica de Nintendo que sairá á venda o 30 de maio, e que está a crear bastante expectación por ser un dos xogos máis agardados para Wii U e por contar con novidades como poder controlar aos secuaces de Bowser nas carreiras.

Little Mac aparecerá en Super Smash Bros.


Sobre outros títulos moi agardados publicáronse novos detalles, de xeito que puidemos ver algo máis sobre Bayonetta 2 e sobre Super Smash Bros. (confirmándose que neste último fará acto de presenza Little Mac, personaxe da serie Punch Out!!).

A Nintendo 3DS ampliará considerablemente o seu catálogo en 2014, de xeito que en maior sairán Mario Golf: World Tour e Kirby: Triple Deluxe; a Nintendo eShop incorporará Pokémon Link: Battle! o vindeiro 13 de marzo; e para celebrar o lanzamento de Yoshi’s New Island o 14 de marzo tamén teremos unha edición especial de Yoshi da Nintendo 3DS XL.
Tamén podemos destacar que hoxe mesmo estreouse na Nintendo eShop unha versión de balde de Steel Diver: Sub Wars, primeiro título para 3DS que chega baixo a fórmula do free-to-play.
Estas e moitas outras novidades puideron verse no vídeo publicado hoxe:

PUBLICIDADE