Marcos Mata, novamente á fronte do CPETIG

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Marcos Mata, presidente do CPETIGFinalmente a comunidade do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) resolveu outorgarlle o seu apoio ao presidente actual da entidade, Marcos Mata. O respaldo renovado a Mata, que asume un novo mandato como presidente do CPETIG, materializouse ao ser proclamada directamente a súa candidatura pola xunta electoral (o 21 de xaneiro), sendo innecesario o proceso de votación convocado, tal e como dispoñen os estatutos do Colexio no suposto de que se presente unha única candidatura ao proceso electoral.
Mata, desta maneira, asume con esta nova andaina o seu terceiro mandato como titular do órgano colexial, acompañado de Juan Luis Miguéns na Secretaría; Anxos Cabado, na Tesouraría; Miguel Abal, na Vicesecretaría; e Pablo Belay, Isaac Castro e Carlos Vila, como vogais. Estes dous últimos colexiados son de nova incorporación á xunta de goberno.
No seu roteiro para a novo mandato, a directiva do CPETIG dará prioridade, entre os seus obxectivos, a “traballar intensamente a prol da regulación da Informática para que se corrixa a discriminatoria situación que sofre, derivada do Real Decreto 1837/2008, que exclúe a Enxeñarías en Informática das profesións reguladas”. Xunto a iso, a liña de acción será de continuidade para, en palabras do novo equipo de goberno, “consolidar a oferta de eventos profesionais que anualmente organiza o Colexio, así como accións formativas nas materias relacionadas cos perfís máis demandados polo mercado laboral e ofrecer máis e mellores servizos para as persoas colexiadas”.
Dez anos de CPETIG
Como lembraremos, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia vén de celebrar os seus dez anos de traxectoria, unha década ateigada de accións de impulso tecnolóxico, divulgación, formación TI, innovación, colaboración cos restantes axentes do sector (galegos e estatais) e defensa da profesión (en relación a este punto, o colexio serve como garante de que o exercicio da profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren a eficacia e a eventual responsabilidade de tal exercicio). Por outra banda, a entidade profesional salienta polo seu firme compromiso a prol de acadar unha contorna tecnolóxica-dixital igualitaria e con maior presenza feminina. Entre as súas actividades máis destacadas atópanse as Xornadas de Informática Xudicial (un importante e ambicioso evento participativo onde se intercambiaron experiencias e puntos de vista sobre seguridade en Rede e novos retos tecnolóxicos da Xustiza). Recentemente a entidade renovou a súa presenza na Internet apostando pola comunicación directa e a vontade de facer comunidade.

PUBLICIDADE