Mar e AMTEGA completarán este ano a 2ª fase de Lonxas 4.0, cun investimento de 10 millóns

xoves, 15 de maio do 2025 S. P.

A Estratexia Galicia Dixital 2030 do Goberno galego foi un dos eixes temáticos da IV Xornada Cantábrica, que reuniu este mércores 14 de maio, na illa de San Simón, a representantes do sector pesqueiro, da cadea de distribución, das administracións públicas e a expertos científicos para abordar desafíos do presente e do futuro da pesca. A axenda foi debullada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen salientou a Estratexia como folla de ruta para optimizar a rastrexabilidade e a comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros.
Este recurso, que ten como base a innovación dixital para a potenciación do mar e a mellora da competitividade do sector, contribuirá, segundo destacou Villares, “ao desenvolvemento dunha actividade máis sostible, que lle dea prioridade á seguridade e á calidade alimentaria, ao tempo que facilita a cohesión territorial”. Salientou que a Estratexia promove unha canle de venta dixital segura que “serve de impulso ao comercio de proximidade e facilita o acceso dos produtos galegos a outros mercados”.
Indicou tamén que a Administración autonómica completará este ano a implantación da segunda fase do programa de modernización tecnolóxica da comercialización e xestión nas lonxas e confrarías de pescadores. Trátase do programa Lonxas 4.0, Iniciativa que forma parte do proxecto Primare Mar, promovido polo departamento que dirixe Villares e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e que supón un investimento de 10 millóns de euros.
Na xornada abordáronse outras temáticas como a interacción con especies protexida, a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a información ao consumidor, e os retos de comercialización do sector.
O encontro enmarcouse no Plan de Produción e Comercialización 2025 da Organización de Produtores da Pesca e da Acuicultura (OPP) e as Organizacións interprofesionais do Cantábrico e que conta coa apoio económico da Consellería do Mar, a través dos Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).