Mar Pereira salienta no FITCE o potencial da Axenda 2014.gal

xoves, 2 de setembro do 2010 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, foi a representante do Goberno galego escollida para inaugurar esta mesma mañá en Santiago de Compostela a 49 edición do Congreso FITCE, que reúne na capital galega a 500 profesionais das telecomunicacións procedentes de toda Europa.
Na súa intervención, a titular da carteira tecnolóxica destacou o labor que está a desenvolver a Xunta a través da Axenda Dixital 2014.gal, unha ferramenta que, segundo lembrou, “foi creada para xerar emprego e riqueza, construír unha administración máis eficiente e cercana, capacitar aos cidadáns para o mercado global e dotar á Comunidade de infraestruturas de telecomunicacións modernas e sostibles”.
Este simposio europeo, que se está a celebrar no Pazo de Congresos de Santiago ata o vindeiro día 4 de setembro, permitiulle á secretaria xeral loubar os compromisos recollidos na Axenda Dixital de Galicia e neste senso apuntou que o seu esforzo está agora en “aproveitar as oportunidades que trae consigo a nova era dixital e asumir o reto de converxer con Europa no 2020”.
A responsable de Innovación Tecnolóxica da Xunta, destacou, asemade, que a creación desta Axenda, plenamente aliñada coa Axenda Dixital Europea, “pon de manifesto que malia que o Camiño de Santiago constitúe o primeiro nexo de unión entre Galicia e Europa, os seus vínculos non se limitan a esta ruta de peregrinación. A través das súas correspondentes Axendas Dixitais, as dúas asumen o compromiso de lograr un crecemento intelixente, sustentable e integrador que permita obter altos niveis de emprego, de produtividade e de cohesión social. “
Nesta nova edición de FITCE, organizada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), co respaldo da Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación (AEIT), debaterase durante 4 días sobre o estado e os proxectos de futuro das infraestruturas de telecomunicacións na Unión Europea baixo o lema O camiño de Santiago e as telecomunicacións europeas.
Un total de 500 profesionais das telecomunicacións de toda Europa participarán ata o vindeiro día 4 neste simposio internacional no que se desenvolverán once presentacións orais, catro sesións de posters e dúas mesas redondas (integradas polos principais fabricantes e operadores de telecomunicacións do país).
Os relatores convidados analizarán o campo dos servizos e aplicacións TIC, afondando na nova era tecnolóxica e nas aplicacións avanzadas que permitirán acceder a infraestruturas intelixentes. Así mesmo, abordarán a aplicación da fórmula I+D á configuración de Internet, á vez que exporán os retos aos que se enfrontarán os reguladores das telecomunicacións ao vivir inmersos na sociedade da información.

PUBLICIDADE