Mar Pereira destaca os vindeiros obxectivos para modernizar a Administración pública

martes, 25 de xuño do 2013 Redacción

Durante a conferencia inaugural do Foro A Modernización e a Reforma da Administración Pública organizado por El Correo Gallego, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, adiantou os obxectivos prioritarios da Xunta para a modernización da Administración pública, que serían a consolidación do nodo de interoperabilidade entre administracións para facilitar o intercambio de información e documentos entre entidades públicas, avanzar na implantación completa do Rexistro Único e a posta en marcha do Arquivo Dixital da Xunta.
Pereira destacou que estas medidas están recollidas no Plan de Modernización da Administración autonómica dende 2010 e non son un simple investimento en tecnoloxía, senón un proceso de modificación máis profundo e complexo do xeito de prestar os servizos públicos.
Algunhas das medidas recollidas no Plan xa son realidade, como a dixitalización do Diario Oficial de Galicia, a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta (que permite presentar telematicamente máis de 500 procedementos) e a implantación do portal Pasaxe nas consellerías (que permite eliminar a petición de documentación básica como DNI ou certificado de empadroamento).

PUBLICIDADE