Manual para construír un cargador solar caseiro para o iPod

xoves, 23 de agosto do 2007 Matías Olazabal

A Rede, entre moitas outras cousas, ofrece unha gran oportunidade para aqueles de nós que sen ser enxeñeiros (nin moito menos) temos algún interese pola construción caseira de pequenos e prácticos trebellos. Unha fonte de recursos deste tipo podémola atopar no blog de Yosemit, no que o responsable do mesmo fixo un cargador solar DIY para o seu iPod, xa que, polo visto, durante as vacacións non ía ter oportunidade de conectarse a unha rede eléctrica, nin moito nenos a un ordenador.

O resultado é dende logo interesante, xa que o proceso de construción semella moi doado, máis non precisamente atopar os materiais precisos na volta da nosa casa como pode pasar nos Estados Unidos (razón pola que o construtor inclúe ligazóns das tendas en liña polas que andou o blogueiro).

Segundo o construtor deste trebello, a idea foi a de imitar unha fonte de carga USB (de 5V e menos de 500mA) algo que se acada coa axuda dun pequeno panel solar, un regulador de voltaxe, unha ficha USB femia e un par de fíos. Móntanse as partes cun soldador de estaño segundo uns planos (moi simples) que se inclúen no sitio e, logo, cun pouco de velcro asegúrase o noso panel á mochila e xa poderemos ir de roteiro ou acampada gozando da nosa música. So queda esperar que saia o sol…

PUBLICIDADE