Manolo Kabezabolo permite descargar de balde o seu último disco

xoves, 19 de xullo do 2007 Raquel Noya

Canso de pelexar contra “vento e a SXAE”. O disco Aversiones de Manolo KabezaBolo xa está dispoñible de balde na súa web dende o pasado 18 de xullo, para todo aquel que desexe descargalo. Coa escusa de que “a SXAE quere o noso diñeiro”, “os selos discográficos queren beneficios” e “as tendas queren forrarse”, este peculiar cantautor xa viña anunciando dende hai unhas cantas semanas que penduraría na Rede o seu último traballo, un albume de 23 temas de música popular con letras modificadas por MKB gravado no pasado 2005.
Manolo CabezaBolo permite pendurar o disco en webs privadas e blogs, compartir as cancións, gravalas, agasallalas ós amigos e cantalas na rúa ou na ducha pero non vendelas nin sacar algún tipo de beneficio delas, xa que segundo os creadores de Aversiones, “a música é patrimonio da humanidade e non de Ramoncín e os seus secuaces”, polo que se eles mesmos non sacan beneficios, “que non os saque ninguén”, afirman.
Entre os grupos homenaxeados neste disco destacan, Miguel Ríos, Bob Dylan, Sex Pistols, Loquillo, Pink Floyd ou o Dúo Dinámico... (é boa verdade que na variedade está o gusto).
Os fans incondicionais de Manolo están de sorte e se aínda por enriba lles pilla preto a cidade de Burgos, poderán acudir ó vindeiro concerto que terá lugar o 20 de xullo.
Visto en Chuza.org.

PUBLICIDADE