Manhunt 2 chegará a España o 31 de outubro

luns, 6 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O xogo Manhunt 2 arrastrou a polémica durante moitos meses por mor da súa violencia, que o levou a ser prohibido en varios países, polo que se dificultou a súa distribución ata o punto de que só saíu á venda nos EE.UU., pero agora dende Rockstar anuncian que o vindeiro 31 de outubro chegará ás tendas británicas (confirmándose que na mesma data tamén chegará a España) nas súas versións para Nintendo Wii, PlayStation 2 e PSP.
O lanzamento europeo do xogo foi posible grazas a que Rockstar conseguiu que se tivera en consideración a súa apelación fronte a BBFC (entidade británica que dá a cualificación por idades dos videoxogos, que se negaba a certificar Manhunt 2 por considerar que non era apto para ningunha clase de público).
Aínda así no é de agardar que o xogo poida ter unha boa resposta comercial, xa que moitos usuarios xa o teñen aburrido, pois a versión europea do xogo para PS2 se filtrou en setembro de 2007 á Internet por un traballador de Sony (despedido por tal temeridade), de xeito que o novo lanzamento correspondería a un xogo vello, con máis dun ano de vida nas tendas norteamericanas e nas redes P2P europeas.
O xogo era excelente no seu lanzamento, e aínda se trata dun produto destacable, aínda que quede totalmente eclipsado polos lanzamentos posteriores de Rockstar Games (coma Canis Canem Edit ou Grand Theft Auto IV).

PUBLICIDADE