Maldita Castilla EX chegará a 3DS nunha semana

xoves, 6 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses o xogo Maldita Castilla de Locomalito está a converterse en todo un referente dentro da corrente de creación de videoxogos con inspiración retro, pois este título claramente inspirado en Ghost’n’Goblins pasou polas mans de Abylight Studios para facilitar o seu goce en Xbox One, PlayStation 4 e Steam, e agora confirman que a aventura en consolas terá un novo capítulo, xa que o vindeiro día 13 sairá á venda Maldita Castilla EX para Nintendo 3DS a un prezo de 11,99 euros.
Esta revisión do xogo publicado de balde por Locomalito non só inclúe os contidos adicionais do resto de versións para consola, senón que tamén inclúe en exclusiva un modo de recreativa que permite ver o xogo aproveitando a pantalla autoestereoscópica da portátil de Nintendo.
Maldita Castilla EX inclúe 8 fases nas que se reparten máis de 48 tipos de inimigos e 19 xefes finais, podendo completar a aventura con 4 finais posibles.

Tráiler da versión para Nintendo 3DS de Maldita Castilla EX

PUBLICIDADE