Maldita Castilla EX chega a PlayStation 4

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Tras converterse en todo un referente do desenvolvemento de videoxogos afeccionado con aire retro, Maldita Castilla iniciou un proceso de profesionalización no que o seu desenvolvedor, Locomalito, chegou a un acordo con Abylight Studios para que conseguisen facer realidade o soño de ver este magnífico xogo que rende homenaxe a clásicos como Ghost’n’Goblins en plataformas comerciais. Así, o pasado verán Maldita Castilla EX estreouse como xogo descargable para Xbox One, para tres meses despois lanzar este mesmo xogo para PC a través de Stream, e por fin dan o que parece que será o trazo que completará o círculo, estreando versión para PlayStation 4, que podemos adquirir por 11,99 euros. Deste xeito, o aclamado xogo por fin está ao alcance dos xogadores de consolas de Sony, que de seguro que agradecerán a oportunidade de poder encarnar a Don Ramiro na súa loita por librar Tolomera do mal que invade esta terra.
O xogo reparte a acción en 8 fases, nas que teremos 48 tipos de inimigos e 19 xefes finais. Será posible rematar o xogo de 4 xeitos diferentes e poderemos gozar en todo momento dunha estética que lembraranos ás clásicas máquinas recreativas de finais dos anos 80.

PUBLICIDADE