Máis detalles sobre a cámara 3D de Fujifilm

mércores, 22 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A cámara estereoscópica de Fujifilm xa é oficial, e o seu fabricante confirma o seu lanzamento para o mes de setembro a un prezo por determinar (posiblemente de 600 dólares), aínda que agora xa sabemos que a FinePix Real 3D W1 será a primeira cámara dixital comercial en poder tomar tanto fotografías coma vídeos estereoscópicos. As fotografías captadas pola cámara poderán visualizarse no marco dixital de 8 polgadas FinePix Real 3D V1 (cunha resolución de 800 x 600 píxeles e que permitirá ver as imaxes 3D sen utilizar lentes especiais) e tamén imprimirse en 3D a través dun servizo de revelando que presentará Fujifilm (aínda que sen determinar a súa data de lanzamento). Pero a capacidade de gravación de vídeo desta cámara era todo un misterio, e agora confírmase (aínda que son poucos os sistemas que polo momento permitirían a súa visualización).
A cámara ten 2 sensores CCD de 10 Mpíxeles, o que permite tanto captar fotografías 3D coma 2D, conta cun visor de 2,8 polgadas que permite ver as imaxes nos dous modos mencionados e incluso é posible configurar a cámara para que dispare dúas fotografías simultáneas en 2D con diferentes opcións de configuración (para poder elixir despois a mellor das 2).

PUBLICIDADE