Máis de trinta PEME galego-portuguesas participaron na xornada de Ineo sobre os mercados asiáticos

martes, 8 de outubro do 2019 Redacción

A Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) celebrou esta mañá na sede viguesa da CEP a xornada Oportunidades de negocio multisectorial en China e India, un evento enmarcado no proxecto de fomento da internacionalización ECICII Plus que achegou aos asistentes claves para iniciar ou ampliar procesos de internacionalización nestes mercados. O director de operacións de Ineo, Luis Rey, foi o encargado de inaugurar a xornada, desenvolvida en colaboración co Banco Sabadell, detallando as oportunidades que brinda o dito proxecto: unha iniciativa para as PEME galegas e do norte de Portugal que lles axuda a abrirse camiño no mundo, poñendo o foco nas firmas agroalimentarias ou de servizos intensivos de coñecemento. Na cita de hoxe participaron máis de trinta representantes de empresas de ámbalas beiras da raia.
Luis Rey tamén salientou os catro grandes bloques de servizos que ofrece o proxecto: diagnóstico, asesoramento, información e organización de misións inversas e eventos de promoción no exterior. Sobre este último punto, o director de operacións de Ineo lembrou que a asociación ten prevista unha misión comercial a México, que se celebrará a finais deste mes, orientada ao sector das Tecnoloxías de Información e Comunicación (as TIC). “Desde a nosa entidade coordinamos esta viaxe que permitirá promover os produtos e servizos das PEME da Eurorrexión na Conferencia Internacional de Investigación e Innovación en Enxeñaría de Software (CONISOFT) e nas súas actividades asociadas”, informou.
Na cita de hoxe tamén interveu Armando Priegue-Freire, socio director de Axperia Ventures, moderador da xornada, quen esbozou algunhas das características dos países protagonistas da xornada e fixo referencia á experiencia das firmas galegas nestes mercados.
Hugo Tian Hong, director do China Center de París e presidente do China Source Capital Investment, que participou en grandes proxectos entre China e Europa, foi o encargado de presentar as oportunidades de negocio que brinda este país asiático ás PEME da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Tras esta intervención, tomou a palabra Guillermo Montero, xerente de Mar Ceibe, que contou a experiencia desta compañía galega que leva xa seis anos exportando ostras frescas a China.
Logo, Arun Kumar, conselleiro de Sunpower en India e socio de Axperia Ventures en Nova Deli, e que conta con máis de 25 anos de experiencia no sector energy utilities en India e Europa, expuxo as características e oportunidades do mercado indio.
Na mesma liña versou a intervención de Gonzalo Varela, director de GV Solucións, que contou a experiencia da súa compañía na India e como presentou no Water Impact Summit 2018 as súas solucións tecnolóxicas para que as autoridades deste país resolvan problemas no ciclo de auga.
Por último, Javier Balbín, e director de Negocio Internacional en Banco Sabadell, presentou os instrumentos de apoio que ofrece a entidade financeira para a expansión das compañías cara a estes mercados. A xornada finalizou cun café networking acompañado de reunións bilaterais entre as empresas asistentes e os relatores da mesma.
Sobre ECICII Plus
O proxecto Estrutura Empresarial Conxunta para o Impulso e a Captación de Iniciativas de Internacionalización, ECICII Plus, enmárcase dentro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é “fortalecer a capacidade de internacionalización das PEME da Eurorrexión a través da intensificación da cooperación transfronteiriza e do aproveitamento das sinerxías da experiencia galega e do norte de Portugal, apostando tamén pola experimentación con modelos de internacionalización multisectorial”.

PUBLICIDADE