Máis de medio millón de españois atoparon emprego por Internet no último ano

luns, 6 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Segundo un informe da axencia EFE, ó longo do pasado ano, máis de medio millón de españois atoparon traballo grazas ós servizos de pesquisa laboral dos diferentes portais que funcionan na web, levando a España a ser o país de Europa con maior predominancia no sector da procura de traballo en liña.
A pesares de que a meirande parte dos usuarios rexistrados empregan portais coma infojobs para atopar o seu primeiro emprego, moitos outros acoden a estes sitios para tentar mellorar as súas condicións laborais actuais, xa sexan de índole profesional ou remunerativas.
En canto ó denominado “perfil dos solicitantes”, a axencia de noticias do estado asegura que preto do 70% das persoas inscritas nos distintos portais posúen títulos superiores ou de formación profesional, e os candidatos amosan maior interese polos sectores do turismo, a administración de empresas, a restauración e a atención o cliente, áreas nas que sempre hai unha considerable demanda de persoal.
Coma era de agardar, as comunidades autónomas nas que máis uso se fai destas novas tecnoloxías son Madrid e Cataluña, onde case un 30% da poboación recorre a elas. A media no resto do estado baixa até case a metade, cun 18,5 % da poboación que emprega a Rede como ferramenta de procura de emprego.

PUBLICIDADE