Máis de medio milleiro de expertos en seguridade participarán en marzo no María Pita DefCon

xoves, 29 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática da Coruña acollerá a partir do 6 de marzo o congreso María Pita DefCon, un evento aberto e cen por cen participativo que ten o obxectivo de xuntar o máis referencial do panorama actual da seguridade informática. Segundo nos contan os organizadores, a previsión é reunir baixo un mesmo teito (o da FIC) a máis de medio milleiro de expertos en protección de sistemas e coñecemento. Amais de seguridade informática dende unha chea de puntos de vista, tamén se abordará a cuestión da fenda dixital de xénero, facendo fincapé na visualización e integración da muller no eido das novas tecnoloxías da información.
Detrás deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño.
As/os impulsoras/es da xuntanza contarán co apoio da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC. A cita desenvolverase entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus responsábeis, é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha semana. A orixe de María Pita DefCon, segundo nos contan os organizadores, está na necesidade de seguir debatendo e intercambio coñecemento avanzado sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital. Nun plano máis concreto, o novo evento vén a cubrir o baleiro deixado trala “falta de financiamento dun congreso de temática semellar que se viña celebrando até agora na mesma localización”. A isto, sinala a organización, cómpre engadir “a alta demanda de perfís de seguridade informática dentro do sector e o interese mostrado por diversas entidades, tanto públicas como privadas”. Dito doutro xeito: o mundo reclama máis expertos en salvagarda das comunicacións e coñecemento e está claro que dende a nosa terra estamos capacitala para achegarllos.

PUBLICIDADE