Máis de douscentos profesores participan nas xornadas de innovación da UDC

xoves, 8 de novembro do 2018 Redacción

Máis de douscentos profesores da Universidade da Coruña participan estes días na terceira edición das Xornadas de Innovación Docente. E fano informándose de experiencias novas no plano educativo, abeiradas en maior ou menor medida ás tecnoloxías da información, e compartindo as súas propias iniciativas. O acto de inauguración estivo presidido polo reitor, Julio Abalde, xunto coa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo, centro no que se desenvolven as xornadas.
Abalde puxo o foco no “protagonismo no propio profesorado” que é o que compartirá experiencias ao longo destes dous días e o que “ten que facer o traballo de mellorar a súa metodoloxía docente que é moito máis”, indicou o reitor, “que incorporar tecnoloxía nova”.
Despois do acto inaugural, interveu Antonio Fernández-Coca, vicerreitor de Campus Dixital e Transmedia da Universitat de les Illes Balears, coa conferencia Hai que saír do armario para entrar no armario: diario dunha experiencia docente.
A Universidade da Coruña organiza por terceiro ano as Xornadas de Innovación Docente, programadas polo CUFIE (Centro de Universitario de Formación e Innovación Educativa), dependente da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, nas que se presentarán, até este venres 9 de novembro, máis de sesenta experiencias docentes innovadoras, ademais de haber programadas diversas mesas de debate.
O programa de actividades deste 9 de novembro comeza ás 9.00 horas cos GiEncontros (posta en común do traballo realizado polos Grupos de Innovación Educativa da UDC) e prosegue ás 12.30 horas con sesións simultáneas de comunicacións e, unha hora máis tarde, coa entrega de diplomas da primeira promoción de profesorado novel formada co programa virtual PFI do CUFIE.

PUBLICIDADE